Monday 06 de May de 2024

Gran asistencia na presentación de “Versos Diversos”, primeiro poemario de Ignacio Lens


Numerosas persoas acudiron onte pola noite ao Centro Cultural Lustres Rivas para asistir a presentación do libro “Versos Diversos”, primeiro poemario do riveirense Ignacio Lens Sarasquete.

Ademais da do autor, o acto contou coas intervencións do xornalista Pemón Bouzas e do alcalde Manuel Ruiz. Entre o público, o senador José Luis Torres; distintos concelleiros da Corporación; Pastor Rodríguez, Manuel Cartea, e moitos amigos e veciños que non se quixeron perderse este evento.

Ignacio Lens explicou que a súa afección tardía a escribir naceu a partir da creación dun blog persoal e que a raíz de compartir algúns anacos en redes sociais foi animado por moitos amigos a lanzarse a esta publicación pese a non ter esa intención e considerar o seu contido moi íntimo. Agora mesmo está a preparar xa o seu segundo libro.

Pemón Bouzas fixo fincapé na fonda compoñente romántica cun punto de canalla que ten un libro no que Ignacio se ispe e salientou a musicalidade de moitos dos textos que o achegan a cantautores como Joaquín Sabina, ademais doutras influencias declaradas como Mario Benedetti ou Alfonsina Storni.

Manuel Ruiz destacou a valentía de Ignacio Lens de ser capaz de recoller os seus sentimentos e publicalos superando mesmo un certo grao de timidez; e o animou a seguir escribindo.

Ao finalizar a presentación, Ignacio Lens estivo dedicando o seu libro, de 154 páxinas, a moitos dos asistentes.